Un SICTED para Pueblos Mágicos

Hai uns días lin unha nova sobre os novos estándares que deberán cumprir os Pueblos Mágicos de México para manter esta denominación. A nova falaba da necesidade de mellorar a xestión turística, fortalecer a gobernanza, poñer en valor o patrimonio e mellorar a experiencia das persoas visitantes.

Mentres lía, non puiden evitar pensar no SICTED (Sistema Integral de Calidad Turística en Destinos), un modelo desenvolvido en España que, sen ser perfecto, leva máis de dúas décadas xerando cultura de calidade e cooperación nos destinos turísticos. A súa principal virtude? Artellar unha rede entre administracións públicas, empresas e profesionais que permite mellorar conxuntamente.

Co paso do tempo, o SICTED evolucionou e está a piques de dar un salto importante: nova metodoloxía, nova plataforma tecnolóxica, e unha visión máis conectada cos destinos turísticos intelixentes (DTI). Esta nova etapa abre unha oportunidade para internacionalizar o modelo, adaptalo e compartilo con outros países que buscan ferramentas de calidade, accesibles e participativas.

E se creamos unha ponte entre SECTUR (México) e a Secretaría de Estado de Turismo (España)?

Un proxecto piloto que permita adaptar o SICTED á realidade dos Pueblos Mágicos, con formación, acompañamento técnico e unha comunidade de intercambio iberoamericana. Un SICTED con acento mexicano.

Os Pueblos Mágicos teñen algo moi valioso: identidade, paisaxe, cultura viva. O que falta en moitos casos é estrutura, metodoloxía e continuidade. E nese espazo é onde un modelo como este podería encaixar e aportar valor.

Non se trata de copiar, senón de dialogar, adaptar e co-crear. E se ese diálogo se abre, alí estarei para sumar.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio